Friday 26 de April de 2024

Lousame inviste máis de 50.000 € de fondos propios na mellora de dous camiños en Ces e Cruído e no aumento da seguridade viaria nunha curva no monte Revolta do Lobo


O Concello de Lousame vén de investir 50.496,31 euros de fondos propios na realización de tres pequenos proxectos de mellora en Ces, Cruído e Escabia. A obra máis cuantiosa foi a mellora da curva no monte Revolta do Lobo, na Escabia, no que se investiron 30.464,92 euros.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “era unha actuación moi necesaria xa que se trataba dunha curva bastante perigosa para os peóns e que conseguimos eliminar con esta ampliación”. As obras incluíron a mellora do pavimento da curva nun tramo de 60 metros no que se ampliou o ancho en dous metros cun triplo tratamento asfáltico. Ademais, construíuse un muro de bloques de granito, de 20 metros de lonxitude e 4 metros de alto, para contención de terras así como unha cuneta revestida de formigón ao longo deses 60 metros de traxecto, cunha arqueta e entubado para a recollida de augas pluviais.
No caso da actuación na aldea de Ces, o Concello de Lousame achegou 13.699,61 euros á reparación de dous treitos dun camiño interior: o primeiro de 115 metros de longo por 4,5 metros de ancho e o segundo de 60 metros de lonxitude e 4 metros de ancho. En ambos os dous casos empregáronse cinco centímetros de zahorra e quince de formigón, previa nivelación do pavimento existente.
Finalmente, o Concello de Lousame investiu 6.331,78 euros no afirmado do camiño do Lagar, en Cruído. “Trátase dun camiño que dá acceso ás novas vivendas que se construíron na zona e que tiñan unha parte aínda sen pavimentar”, explica Teresa Villaverde. As obras incluíron o afirmado deses 240 metros de camiño, de 4,5 metros de ancho, con vinte centímetros de zahorra e posterior selado con cinco milímetros de area. Así mesmo, limpáronse as gabias e salvagabias para unha correcta drenaxe das augas pluviais.